AGE PREGUNTA Á XUNTA POLO IMPACTO DO NOVO “TANQUE DE TORMENTAS” DE GONDOMAR

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través da súa deputada Eva Solla, preguntará no Parlamento polo impacto ambiental dun novo tanque de tormentas que se instalará en Gondomar, entre o río Miñor e a urbanización La Garza. Solla amósase preocupada por unha infraestrutura destinada a recoller augas pluviais que corren o risco de resultar contaminadas pola depuradora municipal. “É coñecida a mala formulación da depuradora de augas residuais do municipio”, sinala na argumentación da pregunta (no documento anexo), “porque mestura augas fecais, pluviais e industriais e pode existir perigo de contaminación e salubridade ao chegar estas augas ao novo tanque”. Ademais, AGE tamén se interesará pola estación de bombeo, situada nunha ribeira do Miñor que, a xuízo de Solla, debera estar protexida.